Unha nova ferramenta educativa para fomentar a inclusión nas aulas
O Centro de Atención Infantil e Xuvenil de APAMP– Asociación de familias e persoas con parálise cerebral- presentou “A Caixa de Vivindo”, unha innovadora proposta pedagóxica orientada a promover valores de inclusión, diversidade e cooperación entre o alumnado de Educación Infantil e Primaria.
O acto, que tivo lugar no Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) de Vigo, reuniu a profesionais do ámbito educativo, familias e persoas vinculadas ao traballo social e comunitario.
“A Caixa de Vivindo” nace como evolución do proxecto Convivindo, posto en marcha no ano 2016 co obxectivo de sensibilizar á comunidade educativa sobre a realidade das persoas con parálise cerebral e outras discapacidades. Ao longo destes anos, esta iniciativa conseguiu achegarse a máis de 300 nenos e nenas mediante actividades dinámicas e participativas que fomentan a empatía e o respecto pola diversidade.
Agora, case unha década despois, APAMP e o seu centro de atención infantil e xuvenil, dá un paso máis coa creación desta caixa pedagóxica, que recompila e estrutura as unidades didácticas desenvolvidas nos centros educativos. Trátase dun recurso práctico e vivencial pensado para facilitar o traballo do profesorado e continuar impulsando unha educación máis inclusiva desde as primeiras etapas.
Desde a entidade destacan o valor deste novo material como “unha ponte entre a escola e a realidade social”, así como unha ferramenta clave para seguir construíndo contornas educativas baseadas na igualdade de oportunidades.
Descobre máis sobre o proxecto a través deste vídeo: https://youtu.be/1zukU3ttqFU
Máis información no correo atenciontemprana@apamp.org ou no teléfono 986294422
Que viva Vivindo!!








