Centro de Atención Infantil

CAI
No Centro de Atención Infantil (CAI), situado na rúa Sagunto, acompañamos e empoderamos aos nenos/as e adolescentes con parálise cerebral e afíns e ás súas familias no desenvolvemento das súas capacidades e logro dos seus intereses e expectativas dentro das súas contornas naturais: ámbito escolar, formativo, ámbito familiar e ámbito lúdico e comunitario.
Ámbito escolar e formativo: Apoiamos, informamos e asesoramos ao centro escolar e/o formativo deseñando proxectos e actividades de innovación educativa e levando a cabo unha formación personalizada e/o “in situ” nas aulas en temas específicos de accesibilidade, control postural, deglución, procesamento sensorial, xestión conductual, produtos de apoio para a autonomía persoal e a comunicación, recursos e estratexias para a inclusión no grupo, entre outros, achegando así unha maior seguridade ao equipo educativo e unha atención educativa máis integral e de calidade cara ao alumnado con PC e outras discapacidades afíns.
Facémolo a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) e dos Contratos-Programa e apoiándonos no Convenio establecido coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Ámbito familiar: Empoderamos e acompañamos ás familias para que participen activamente en todos os procesos relacionados cos seus fillos/as (escolar, lúdico, terapéutico…), achegándolles información, orientación, soporte, formación e asesoramento e facilitándolles tamén a súa conciliación e loxística familiar a través dos nosos servizos de respiro familiar e da propia intervención na súa contorna natural.
É moi importante para nós acordar coas familias as nosas liñas de traballo e as contornas onde cren máis oportuna nosa intervención e acompañamento (casa, parque, escola, actividade extraescolar, piscina…), así como comunicarnos e coordinarnos con outros profesionais relacionados co neno/a ou adolescente (gabinetes, equipos at.temperá, servizos sociais, etc).
Ámbito lúdico e comunitario: Creamos e propoñemos experiencias lúdicas accesibles a todos/as que ofrezan a oportunidade de xogar, relacionarse con iguais, aproveitarse dos espazos comunitarios e gozar do seu tempo libre de forma significativa. Facémolo a través da nosa ludoteca, dos campamentos de verán e de actividades deportivas adaptadas (boccia, slalom).
Equipo formado por:
Fisioterapeuta
Terapeuta
ocupacional
Logopeda
Psicóloga
Traballadora social
Monitoras de lecer e tempo libre

Ludoteca

