Co gallo do día da poesía, celebrado o venres 20 de marzo, o noso Centro de Día presentou o mural cerámico “Falar poema”, unha iniciativa artística e reflexiva que conta coa colaboración do premio nacional de poesía, Ismael Ramos.
Falar Poema, que nace da experiencia persoal do poeta cos trastornos da linguaxe, convida a reflexionar sobre a fraxilidade da palabra, pero tamén sobre a súa forza e capacidade expresiva.
“Falar poema” procura visibilizar todo o que hai de poético tanto na imposibilidade de nomear —ese querer dicir algo con precisión e non ser quen de facelo— como na dificultade para comprender. A proposta parte da idea de que a poesía é, en si mesma, unha lingua sen Estado, unha lingua minorizada, e reivindica outros xeitos de comunicación a través do diálogo entre a plástica e a palabra.
O mural está composto por unha serie de azulexos troquelados con formas de flores, deseñados no Obradoiro de Cerámica do propio Centro de Día. Estes troqueles fragmentan a frase pintada sobre a superficie cerámica, interrompendo a súa lectura e creando unha composición na que o texto aparece incompleto.
Fóra do rectángulo que delimita o mural, as flores resultantes dos recortes conservan os fragmentos ausentes do texto, convertendo a obra nun puzle visual que invita ao público a reconstruír a frase orixinal.
“Falar Poema” enmárcase dentro do proxecto Diverso, que ten como finalidade xerar un entorno que destaque pola súa beleza, ó mesmo tempo que crear un espazo de arte e poesía en toda a contorna da rúa Miguel Hernández.


